O Primeiro Triatlón (Sprint)

triatlon-negreira

O pasado sábado 11 de xuño sucedeu un evento espectacular en Negreira. Un grupo de persoas con moita cabeciña e moito corazón decidiu organizar desde cero un triatlón  solidario para dar a coñecer os obxectivos e o funcionamento da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec, aquí o seu perfil en Facebook). Un modo estupendo de conciliar deporte e a promoción desde tipo de asociacións. Ó final máis de 200 deportistas decidimos desafiar á orografía nicrariense e demostrar de que pasta estamos feitos por unha boa causa.

No meu caso, tendo como única experiencia semellante o pasado maratón de Madrid, con pouca rodaxe e nula técnica na natación e na bicicleta, era o momento de dar un paso máis na miña peculiar traxectoria deportiva onde os tempos son o de menos e a autosuperación o que máis. E non existe nada “raro” nesta vida: como moito, cousas pouco comúns, e con esforzo e motivación, pódense dar a coñecer e incorporar á sociedade con total normalidade.

Para iniciarse nunha disciplina tan esixente como o triatlón, hai que ter respecto polos profesionais e por este deporte. Os pasos a seguir están clarísimos: adestrar, adestrar e volver a adestrar. Pero non consiste todo en machacarse no ximnasio, facer kilómetros como un tolo na bici e correndo, senón que tamén conta moitísimo o que se coñece como ‘adestramento invisible‘. Se queres marcarte retos deportivos como este, terás que ter hábitos vitais saudables: coidar un pouco a dieta, respectar ós horarios de descanso, eliminar aqueles elementos que non sexan compatibles cunha vida sa. E outro elemento moi importante tamén é o de informarse, informarse e pedirlle consellos á xente con experiencia. Googlea, le libros, observa vídeos e abre as orellas e a mente para empaparte da palabra dos expertos. Eles non poderán levarte á meta no momento clave, pero será moito máis sinxelo saber chegar a ela.

Unha derradeira observación sobre o triatlón desde a perspectiva do amateur máis amateur é que comparado co mundo runner, o triatlón require ademais de máis adestramento e técnica, tamén un desembolso económico moito maior. Se para correr só necesitas roupa cómoda e calzado (e ata hai algúns máquinas que nin iso), o equipo necesario para disputar un triatlón implica moito máis: neopreno, tritraxe, unha boa bici, casco… No meu caso persoal, nunca poderei agradecer dabondo toda a axuda e xenerosidade de grandes triatletas e mellores persoas (Gonzalo, Andrés, Sema) que sabendo da miña nula experiencia nesta disciplina, confiaron en min e me deixaron o material para poder superar o reto. Agradecemento infinito a estes cracks.

Polo río abaixo vai, un triatleta de pé

Falando en concreto deste Triatlón de Negreira, a sensación de comezar unha competición nadando entre triatletas é moito máis abraiante que o inicio de calquera carreira popular multitudinaria. Agobiante en ocasións polas inevitables colisións e incómodo por estar competindo nun lugar onde non te atopas a gusto (todo será cuestión de acostumarse, pero a natación non é o meu…). Os 750 metros de natación disputáronse no río Tambre pola zona da ponte da Ramona, bordeando boias e, por sorte, sen corrente. E o saír do río chegou para min a primeira novatada: non tiña folgos nin concentración para quitar o neopreno, nin para calzar ben as calas dos zapatos que enganchan nos pedais da bici…

Xirarei como a roda do muiño

… porque despois de saír do río e deixar as cousas na primeira zona de transición, a presión do novato de ter que engancharte á bici costa arriba e coa presencia do público, foi unha experiencia de desacougo bastante interesante. E inda que fixen todo o posible de fuxir da zona con máis público para subir á bici con calmiña, non puiden evitar ter testemuñas do momento no que biquei o chan por primeira e única vez. Pero unha caída ben entendida é unha oportunidade excelente para levantarse. E despois, lume. E as tres voltas de bici que computaban 20 km son probablemente o momento máis duro deste triatlón. Unha altimetría digna da atracción máis perigosa de Port Aventura. E aquí é onde persoalmente non podía agochar de ningún xeito o meu limitado adestramento en bici: o único punto positivo que podo comentar é que cheguei a segunda zona de transición (onde de novo paguei novatada: nunca te desabroches o casco mentres a bici non estea aparcada… e controla ben cal é o teu carril antes de entrar nel).

Correndo a fume de carozo

E tras máis dunha hora loitando contra elementos ós que non estaba acostumado, despois de aparcar a bici, deixar o casco e calzarme os zapatos que me acompañaran durante 42,195 km en Madrid, chegara o momento de disfrutar por fin. As enerxías estaban algo tocadas e o percorrido de tres voltas por diante tamén tiña o seu aquel (subir a costa adoquinada de San Mauro), pero notábase tamén que no meu caso era a sección na que conto máis experiencia. Aparte da fatiga física, a sección da bici afectarame un pouco mentalmente ó ser tantas veces doblado e ser dos últimos en chegar. Pero as miñas pernas de corredor fixeron que comezase unha remontada máis moral que real no centro de Negreira e a sensación de ir máis rápido e adiantar posicións nos últimos quilómetros foron o subidón perfecto para rematar a carreira como se deixara atrás os irmáns Brownlee. Que vaia, incluso os meus tempos nesta sección están ben lonxe dos triatletas de cabeza desta carreira, pero para min mesmo puiden recuperar un chisquiño de orgullo.

13442057_10153640758662918_80366484_o

E ata aquí a crónica da miña participación. O único que queda por comentar é agradecer de novo á organización do Triatlón Solidario (aquí o perfil de Facebook) por promover un evento tan especial e magnífico como este, e convidarvos a visitar a web da Fegerec e colaborar con eles na medida das vosas posibilidades. Estou seguro que para o ano existirá unha segunda edición desta proba e que terá moita máis participación!

3 comments

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s