Este 2017 está deixando cousas bastante curiosas na miña checklist. A última, tan desconcertante como divertida, foi a de aparecer no programa Vivir Aquí da TVG degustando tortillas da Coruña…
… pero todo ten a súa explicación, e como blogueiro voso que son, vouvola explicar. Para os coruñeses máis despistados, existe en Internet unha fantabulosa web chamada Aún Pillas Tortillas! que cumpre un importante labor social: catar as tortillas de todos os bares da Coruña ata dar coa mellor tortilla da cidade.
Como explican na súa sección De quen vimos sendo, a iniciativa naceu en 2013 dun grupo de amigos seareiros deste manxar tan redondo. Aínda que existen uns criterios de selección que non se poden filtrar e probas de acceso ancestrais con máis misterio que o Conxuro galego, o grupo de críticos tortilleiros é bastante amplo.
E iso, que ó ser un grupo tan amplo, tan colectivo e tan pouco dado a alimentar os egos dos que realmente merecen o mérito e a fama, que ata deixan que un pintamonas coma min apareza en primeira liña e sexa un dos protagonistas da reportaxe que adicou o programa Vivir Aquí da TVG a este blog comandado por Pablo Pérez. Un renacentista underground coruñés ó que non lle quedará moito para ter o seu correspondente busto e placa nalgunha rúa do Montealto profundo.
Se tedes curiosidade en ver o vídeo, aquí tedes o enlace do programa (a reportaxe comeza a partir do minuto 30). Que aproveite!